O Bloque Nacionalista Galego presentou sete emendas parciais á proposta de orzamentos da Xunta para o exercicio 2024 cun investimento de 2.000.000€ no concello de Baiona que foron rexeitadas polo PP.

O BNG solicitaba un investimento urxente na modernización da Estación de Tratamento de Auga Potable (E.T.A.P.) situada en Baíña xa que o seu estado é «deplorable, as instalacións quedaron obsoletas e non cumpre co proceso de potabilización axeitado».

A proposta do BNG para Baiona incluía orzamentar unha Promoción de vivenda pública ven sexa en construción, rehabilitación ou en réxime de alugueiro de baixo custe, no camiño de garantir o dereito de acceso á vivenda. «Baiona soporta unha grande presión turística que está imposibilitando este dereito a baionesas e baioneses provocando a expulsión da poboación moza autóctona», sinalan desde o BNG.

Din que solicitaron tamén melloras infraestruturais e de equipamento nos colexios públicos que presentan importantes necesidades en materia de illado de fiestras, melloras de accesibilidade ou fechado parcial de patios e a construción dunha nova Escola Educación Infantil para cubrir as necesidades da veciñanza.

Aparte das emendas de ámbito estritamente local, o BNG tamén presentou emendas comúns para o conxunto dos tres concellos do Val Miñor por un total de 6,5M€, que suporían un beneficio colectivo tamén para a veciñanza de Baiona «pero tamén foron rexeitadas polo PP». «Unha vez mais, como xa é habitual, o PP nunca acepta as propostas de investir en Baiona».