Ecologistas en Acción

En resposta á denuncia pública do Partido Popular sobre o uso de produtos que conteñen glifosato para a limpeza nos parque infantís por parte da concellería de medio ambiente o grupo municipal do Bloque Nacionalista en Baiona informa «do descoñecemento desta práctica pero podemos garantir que a concellería de medio rural que dirixe o noso portavoz, Iago Pereira, non permite o seu uso«, aseguran dende a formación política.

En agarda das conclusións do proceso interno de investigación que iniciou a propia alcaldía para clarexar o acontecido, dende o B.N.G. «seguimos mantendo o noso firme compromiso de declarar Baiona libre de glifosato e por esta razón, este foi un dos acordos para formar parte do goberno municipal do noso concello«, afirman.

Cabe lembrar que foron varias as ocasións que o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego en Baiona levou ao pleno municipal a proposta de declaración de Baiona como concello libre de glifosato para evitar o uso deste produto tóxico para a flora, fauna e persoas do concello, «e foi o Partido Polpular sistematicamente quen posicionouse sempre en contra, como consta nas actas plenarias, con argumentos como este equipo de goberno non considera que teña os coñecementos necesarios como para saber si é malo para a saúde e entendemos que mentres a comunidade europea o permita e sexa legal, non temos nada que obxectar. Parece que agora, como oposición, adquiriron os suficientes coñecementos en materia de saúde pública e cambian a posición política con respecto ao uso de herbicidas que conteñan glifosato, pretendendo erixirse nas/nos maiores defensoras/es do ecoloxismo e da saúde das nosas veciñas e nosos veciños«, indican os nacionalistas.

«Tampouco estaría de máis, din, que este novo PP ecolóxico esixa á Xunta de Galicia que deixe de usar produtos que conteñen glifosato cando limpan os cómaros das estradas».

En calquera caso, dende o BNG «manifestamos a satisfacción de que o grupo municipal do Partido Popular en Baiona cambie a súa postura política habitual e teñamos garantido que na seguinte proposta do BNG de declarar Baiona libre de glifosato, por fin, voten a favor», finalizan.