A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Carmela González, presentou unha proposición non de lei na Comisión 2ª Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, para demandar medidas urxentes que garantan a seguridade viaria na estrada PO-331 ao seu paso pola parroquia de Vincios, no concello de Gondomar.

Carmela González denunciou que este tramo da estrada, que atravesa unha das zonas máis poboadas do concello e conecta equipamentos públicos como un colexio, a escola de música, o centro cultural ou a igrexa, soporta un tráfico diario superior aos 15.000 vehículos, incluídos 500 pesados. A situación agrávase pola falta de beirarrúas e pasos de peóns, especialmente no barrio do Tumbio e nas inmediacións de paradas de autobús e colectores, onde o desprazamento a pé resulta perigoso.

A iniciativa nacionalista reclamaba tres actuacións clave como a humanización inmediata do tramo urbano da PO-331, coa construción dunha senda peonil e outras medidas de calmado do tráfico, en diálogo coa veciñanza. A transferencia da titularidade da estrada ao Concello de Gondomar unha vez realizada a humanización, para permitir a súa conversión en travesía urbana. E finalmente a eliminación das peaxes da AG-57, para fomentar o uso desta vía como alternativa segura e menos contaminante á PO-331.

Estamos ante unha demanda reiterada da veciñanza que busca preservar a súa calidade de vida e reducir a perigosidade dun tráfico que, hoxe, converte o centro de Vincios nun lugar de paso incompatible coa seguridade cidadá”, afirmou González.

A iniciativa para garantir a seguridade da veciñanza de Vincios non saíu adiante cos votos en contra do PP. O BNG considera que estas medidas son imprescindibles para transformar a mobilidade no Val Miñor, mellorar a conexión entre os seus parques empresariais e garantir un uso racional e seguro das infraestruturas viarias.