Ante a falta de respostas por parte da Administración, «os Bombeiros Comarcais de Galicia vémonos na obriga de denunciar en voz alta a desidia e o menosprezo co que se nos está tratando e en consecuencia, a tódolos cidadáns e visitantes que temos na comunidade durante estas datas estivais«.
Segundo este colectivo, o día 2 de agosto a Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia convocou ás catro Deputacións e á parte traballadora para asinar un Protocolo de Colaboración coa finalidade de establecer un marco de diálogo e colaboración coa intención de intentar que se volva á normalidade en canto ós servizos dos parques de bombeiros dos catro consorcios provincias.
«Dende o comité de folga respondámoslle que ese protocolo NON foi consensuado connosco en ningún momento e que a desconvocatoria de folga que eles unilateralmente deciden impoñer nese documento nunca se decidira así pola nosa banda», aseguran.
Indican que «a pesares da nosa desconformidade con ese protocolo, e de ter en conta que lles compartimos por escrito as modificacións que considerábamos oportunas para poder chegar a consenso nese documento, a Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia e as catro Deputacións seguen adiante sen ter en conta as nosas reivindicacións e asinan unilateralmente ese acordo».
Despois disto e logo do desplante que inicialmente «nos realizan non querendo recibirnos o día 2 de agosto na Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia, insistimos e ese mesmo día temos unha xuntanza a regañadentes co director xeral de emerxencias, co presidente da deputación de Ourense e co deputado representante da deputación da Coruña», apuntan.
Afirman que despois desta reunión quedaron ámbalas partes en volver enviar as súas achegas ó protocolo «que eles plantexaran e xa firmaran» para darlle unha volta e poder valorar que se incluirán a súas peticións.
«Enviamos tal e como quedaramos as nosas achegas o día 4 de agosto por correo electrónico como é o habitual. A día de hoxe non temos ningunha resposta por escrito e a única desculpa verbal que puidemos recibir despois de insistir chamando varias veces ó subdirector xeral é de que «estamos de vacacións e temos familia«, engaden.
Explican que esta actitude «pasota, de menosprezo e ineptitude por parte da Administración demostra unha vez máis a desidia e falta de interese por parte da Administración de avanzar e arranxar este conflito que está a afectar ó noso colectivo e por consecuencia a toda a poboación».
Os Bombeiros Comarcais de Galicia lembraches as administracións que «nós tamén temos familia que atender e a pesares diso priorizamos o servizo como moitas veces o fixemos no pasado para intentar sacar adiante as emerxencias pero estamos a sufrir de primeira man a súa falta de interese e de organización e a súa pasividade e falta de interese por arranxar este conflito no que priorizan as súas vacacións ó benestar do resto».
«Non podemos seguir permitindo que se nos desprece deste xeito, polo que dende a parte traballadora non nos queda máis que pedirlle encarecidamente ás administracións competentes que demostren de verdade que queren resolver este conflito e que de verdade lles preocupa a seguridade da cidadanía convocando de inmediato ós representantes dos traballadores para arranxar este conflito, que vendo como o están tratando vai camiño de endurecerse aínda máis», rematan.