Bombeiros Forestais de Galicia denuncian e poñen en coñecemento da sociedade galega en xeral e aos medios de comunicación en particular, «a convocatoria dunha OEP (oferta pública de emprego) en plena vaga incendiaria que afecta a máis de 300 traballadores», afirman.

«Cando aínda están moi activos grandes incendios coma o de Pobra do Brollón, As Trevinca e o de Avión, con compañeiros/as carrexando mangueiras en pendentes, tragando inmensas bocanadas de fume a manchea, queimándose ou fuxindo as carreiras na fronte de lapas…a Xunta de Galicia «premia e gratifica» a nosa entrega e sacrificio, publicando no DOG do martes 26, unha convocatoria as presas (nun mes inhábil) como agosto«, apuntan nun comunicado de prensa.

Sinalan tamén que «o maltrato, asañamento e a completa falta de sensibilidade da administración cos seus traballadores/as, é a noso parecer un absoluto desprezo con empregados públicos en precario, que tamén como os paisanos nas súas aldeas o deron todo nas horas máis criticas dunha catástrofe, case de apocalipse en Galicia».

Exixen nunha situación de calamidade nacional, solucións excepcionais. Debido a situación extraordinaria xerada pola vaga incendiaria e como «non se dispón dun tempo necesario mínimo para centrarse e preparar cunhas mínimas garantías unha oposición, pensamos na criazon e busca de fórmulas para un excepcional proceso extraordinario». Isto -din- «non é mendigar nada». «Xunta e OOSS poden acordar o proceso para os Bombeiros Forestais na mesa que corresponda sen ningún problema e oposición. Coma exemplo, mal aínda vai o proceso de estabilización anterior como iniciar outro semellante e colapsar e mellorar máis o servizo».

Aseguran que levan anos e anos traballando «na extrema precariedade: na Xunta de Galicia, Seaga, Tragsa, concellos etcétera con contratos por obra e servizo de duración de 2 meses e medio, tres….dobrando quendas de traballo sen descansos mínimos entre días, material moi precario, sen dotar non poucas veces de avituallamento etcétera».

Matizan tamén que levan nas súas costas anos e anos de experiencia coñecendo o comportamento coas «nosas carnes do lume«, do territorio, dos seus montes e seus camiños. Agora desde o 2019 «conformamos un servizo preparado na Xunta de Galicia. Mesturando sabia nova con experiencia».

Explican que os Bombeiros Forestais de 8 meses están formados en numerosos cursos específicos que hoxe compre mellorar e perfeccionar, por exemplo, na interface, familiarizado coas novas técnicas e tecnoloxías da extinción e equipamentos. «O gasto millonario invertido, dun precioso diñeiro público non se pode dilapidar dunha forma tan frívola. Somos unha inversión de presente e futuro para a emerxencia social que son hoxe os incendios. A emerxencia continúa e son precisas medidas valentes e de forte calado. E agora veñen os efectos das escorrentías e aí voltamos ser imprescindibles».

Piden que se debería adiar este concurso/proceso publicado no DOG e adialo indefinidamente ou mesmo suspendelo. «Fai falta abrir un proceso novo, si se quere fácil e similar ao do 2019 e permitir a entrada de xente necesaria que hoxe está en concellos, moi válida e bregada en múltiples lumes neste verán demostramos conxuntamente a valía. Basta de mal trato. Traballo e dignidade«, remata o comunicado de prensa.