Ante as afirmacións de Paco Ferreira acusando á Xunta de Galicia de ser a responsable das causas que provocaron as inundacións desta pasada madrugada, a voceira do Partido Popular de Gondomar pide o rexedor que asuma as súas propias responsabilidades de non facer nada para evitar as consecuencias desta inundación.
Recorda Paula Bouzós que en decembro do ano 2021 o Partido Popular presentou unha moción para que o concello redactase o Plan de Emerxencias ante o Risco de Inundacións e reclamar ao concello de Vigo o Plan de Emerxencias de Presa do Embalse de Zamáns, «e nese momento o alcalde dixo que chegabamos tarde e votou en contra da moción». «Para a nosa sorpresa, e agradecendo que Paco Ferreira fixese caso á moción presentada, estes meses o alcalde publicou que estaban traballando nel, polo que agardamos que canto antes se poñan en funcionamento», apunta Paula Bouzós.
Sobre as obras de Mellora nas confluencia dos ríos Zamáns e Miñor, a Xunta de Galicia indica que está a atopar dificultades para iniciar as obras para evitar o risco de asolagamentos en Gondomar, para as que tiña consignado xa orzamento deste ano 2023 un investimento de 2 M€, «debido á falta de implicación do Concello na procura de solucións alternativas para a circulación viaria, pero tamén porque o Concello non acredita a disposición efectiva dos terreos, tal e como se comprometeu a facer no convenio asinado coa Xunta para estas obras». Engade a Xunta de Galicia que nas contas do vindeiro ano volve recoller a partida necesaria para avanzar nesas actuacións necesarias para reducir o risco de inundacións no municipio (1,97 M€ na anualidade de 2024 e 0,15 M€ na anualidade e 2025), sempre que o Concello cumpra coa súa parte do acordo asinado.
“Somos conscientes de que desde sempre en Gondomar prodúcense estas inundacións e que é imposible evitalas aínda que si aliviar as consecuencias. No mes de decembro de 2022 presentamos un escrito no concello para a adopción de varias actuacións a realizar polo concello, para evitar danos en caso de inundacións, sen que o concello fixese nada para evitar estas consecuencias”, afirma Paula Bouzós.
A maiores presentaron unha moción ao pleno do mes de marzo para a realización de estudios que alivien as consecuencias das enchentes que foi rexeitada polo goberno municipal e contou co voto favorable do Partido Popular.
Paula Bouzós engade que “ao contrario do que informa o Sr. Alcalde, nos meses de verán Augas de Galicia estivo facendo limpeza en varias zonas do río Miñor, das cales estaba totalmente informado pero que a súa demagoxia e a busca de culpables non lle deixa mirar máis alá do seu ego”.
