ALFREDO

O pasado mes de decembro, a viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento Galego, Leticia Gallego, presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que pedía á Xunta de Galicia que comezara as obras para mitigar os efectos das inundacións polas crecidas dos ríos Zamáns e Miñor.

Na súa resposta a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, sinalou que o concello de Gondomar non estaba cumprindo a súa parte do convenios, ao non poñer a disposición os terreos necesarios para o inicio das obras.

A Concelleira concretou daquela que o Concello presentara uns preacordos cos propietarios que non tiñan validez ata que se formalizasen as actas de ocupación. Sinalou ademais que o Goberno galego estaba preparado para actuar no río Miñor e que para iso se reservaran 1,97 millóns de euros no orzamento autonómico do ano 2024 co fin de cumprir o compromiso.

«Pola súa parte, o alcalde manifestou daquela que o concello xa tiña cedidos os terreos necesarios e urxía á Xunta de Galicia que comezaran as obras canto antes e argumentaba ademais que o problema era que a Xunta non sabía por onde ían meter o tráfico», indican os populares.

Bouzós afirma que «este luns, case dous anos despois de que o pleno acordara iniciar o expediente de expropiación dos terreos necesarios para facer a obra para aliviar os efectos das inundacións en Gondomar, o alcalde cita aos propietarios para o levantamento das actas previas de ocupación mediante a publicación no BOP do anuncio de sinalamento para o levantamento das actas previas».

A voceira do Partido Popular de Gondomar Paula Bouzós, sinalou que “Paco Ferreira mentiu cando estaba esixindo á Xunta o comezo da obra sabendo que os terreos non estaban á disposición. Pero a maiores no acordo que asinou co BNG para facer as obras da Alameda decidiron que as obras non poden coincidir, polo que si comezan as obras na Alameda vai facer todo o posible para que as obras das inundacións non se fagan agora”.