A pasada fin de semana tivo lugar na canle da localidade catalá da Seu D´Urgell a III Copa de España de Slálom Olímpico. O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu cun equipo moi minguado, so seis deportistas, coas ausencias de Manu Ochoa, Laura Alonso e Mateo Álvarez por un fallo informático que os deixou fóra das listas, e dos irmáns Castro, Brais e Samuel, por compromisos persoais.

Alba Soutelo, deportista cadete, participou tanto en C1 como en K1. En K1 cadete conseguiu o sábado entrar en semifinais, e no domingo non foi quen de facer final, rematando novena. En C1 no sábado conseguiu praza para final directa, rematando finalmente nun meritorio cuarto lugar.

Ainhoa Barreiro, tamén na categoría cadete, e tamén dobrando participación, C1 e K1, durante a mañá do sábado non foi quen de entrar en ningunha das dúas semifinais, rematando oitava en C1 e undécima en k1.

Luís Fernández, na máxima categoría de C1, a categoría sénior, fixo unhas moi boas clasificatorias entrando en semifinais cun cuarto posto. Nas semifinais do domingo fixo unha impresionante baixada que o meteron en finais co segundo mellor tempo, a súa final foi boa, pero non o suficiente para lograr medalla, rematado cuarto, a quince centésimas de segundo da medalla de bronce.

Emilio Rodríguez, na categoría K1 veterano, nas clasificatorias do sábado logrou entrar nas finais co segundo mellor tempo. Xa nas finais do domingo fixo o terceiro mellor tempo, acadando a medalla de bronce, a única coa que regresaron os Teixugos.

Alexis Segadaes, en K1 cadete, foi quen de entrar en semifinais coa súa baixada do sábado, pero xa no domingo non conseguiu entrar en finais , rematando vixésimo.

Na mesma categoría, Sergio Rodríguez, tamén deu entrado en semifinais coa súa actuación do sábado. Xa na mañá do domingo, fixo unha baixada moi correcta, pero algo lenta que o deixaron fóra de finais, rematando duodécimo.

Na clasificación final por equipos, o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou e quinta posición.