Enrique Cabaleiro presentou a noite deste venres a lista que o acompañará nas próximas eleccións municipais. Unha candidatura conformada por 21 persoas, ás que se suma a candidata á Entidade Menor de Pazos de Reis, María Beatriz Bouzón.

A lista, que conxuga a continuidade de concelleiros do anterior Grupo Municipal que tiveron responsabilidades de goberno e novas incorporacións centradas nas parroquias e en reforzar a presencia no rural, márcase como obxectivo “continuar co traballo truncado pola moción de censura” de outubro de 2017, que desaloxou ao Partido Socialista da alcaldía.

“Queremos retomar proxectos que puxemos en marcha cando gobernabamos”, sinalou Cabaleiro, que puxo como exemplos a execución do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o inicio do proceso de humanizacións ou conseguir a aprobación definitiva do PEPCHA, “tamén paralizado tras a moción de censura”.

O candidato á alcaldía asegurou que nos días que quedan por diante ata as eleccións “percorreremos Tui para explicar ás veciñas e veciños o proxecto das e dos socialistas” e conseguir que o 26 de maio “depositen o seu voto por un proxecto de futuro para esta vila”.

David Regades, secretario xeral provincial, quixo estar tamén presente para mostrarlle o seu apoio a Cabaleiro. “A veciñanza de Tui volverá a confiar nas e nos socialistas”, augurou Regades.

O máximo dirixente provincial comprometeuse a brindar todo o apoio necesario a Cabaleiro, así como ao tecido empresarial da vila. “Desde esta executiva e desde a Zona Franca de Vigo estaremos ao carón desta vila para darlle un pulo ao desenvolvemento do tecido industrial e empresarial da vila”, defendeu.

Para ilo, Regades puxo como exemplo algunhas das medidas recollidas polo partido no documento 110 claves para construír unha provincia, como por exemplo incentivar a creación de chan industrial atendendo á demanda empresarial, a mellora das instalacións e equipamentos xa existentes, ou a revitalización do comercio local.