Centro Salud Gondomar
ALFREDO // Las obras en el centro de salud de Gondomar (Archivo)

Os Centros de Saúde de Gondomar, Panxón e Nigrán estarán sen servizo de pediatría no inicio do mes de decembro, durante case dúas semanas. Dende o día 1 ao día trece de decembro, no caso de Gondomar, desviando aos nenos e ás súas familias ao Centro de Saúde da Xunqueira. Unha situación que se repite con demasiada frecuencia ante baixas e outras incidencias do servizo.

Dende Gondomar Concello Aberto indican que “levamos tempo reiterando a necesidade de cubrir de forma coherente e racional as necesidades sanitarias do noso concello. Actualmente está en fase de execución un novo Centro de Saúde de Gondomar, que presenta unhas xeira de carencias, algunha graves, como que o noso concello ten uns dos ratios mais altos tanto de Médicos de Familia como en Pediatría. Na actualidade o centro non recolle a toda a poboación con tarxeta sanitaria residente no Concello de Gondomar e unha parte significativa da veciñanza ten que ser atendida noutros Centros de Saúde”.

Despoís de anos de retrasos, recortes e paralización do proxecto constructivo produciuse unha nova licitación e adxudicación. E na primeira semana de setembro deste ano, Xunta e Concello anuncian o inicio da construción do edificio do novo Centro de Saúde. Os feitos son que a día de hoxe a construción continúa paralizada, unha vez máis,” afirman.

Para CABE o novo centro “está mal dimensionado e insuficiente e que nace xa cun déficit dende o seu inicio. Está previsto para unha poboación de 10.280 usuarios, cando segundo os datos oficiais do mes de abril deste ano do padrón municipal, Gondomar ten 16.085 habitantes. É dicir un 56% máis de usuarios que os previstos para o novo centro“.

Os estándares de consenso para este tipo de centros de atención primaria son que debe haber unha pediatra por cada 800 nenos. A Gondomar lle corresponderían segundo este estandar 3 pediatras, xa que existe unha poboación infantil de 0 a 15 anos de 2.212 nenos. No actual e no proxectado novo Centro de Saúde se mantén 1 so facultativo”, explican.

“Os datos comparativos non deixan lugar a dúbidas, no Concello de Nigrán hai 3 pediatras cunha poboación infantil de 2.267, a ratio de 1 médico por cada 755 pacientes, en Gondomar cunha poboación infantil de 2.212 nenos hai e 1 pediatra, a ratio é de 1 médico por cada 2.212 pacientes. É intolerable e inxustificable”, expoñen.

Dende Gondomar Concello Aberto “recollimos e entregamos, no mes de xullo, na Consellería de Sanidade dúas mil sinaturas para que se atendesen as necesidades reais da poboación de Gondomar no novo Centro de Saúde e fora dotado dos recursos de persoal sanitario e espazo que deran cobertura as necesidades asistenciais da poboación de referencia e poder acoller crecementos futuros. E solicitamos, unha entrevista co concelleiro de Sanidade Sr. Vazquez Almuiña, á maior brevidade posíbel, para tratar este asunto dado a prioridade de actuación que ten este tema para a saúde e benestar da veciñanza de Gondomar. A día de hoxe nin sequera se dignou contestar”.

Asemade na Comisión 5º de Sanidade do Parlamento Galego do día 9 de novembro deste ano tratou as necesidades sanitarias de Gondomar e o novo Centro de Saúde, iniciativa levada pola representante de En Marea nesta comisión a proposta de CABE. A iniciativa contou co voto favorable de todos os grupos agás polos do Partido Popular que votou en contra.

Ante este novo despropósito da Consellería e o caos que se adiviña detrás de peche simultáneo de tres Servizos de medicina infantil o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto presentou unha Moción que se debaterá no próximo Pleno do día 12 de decembro para reiterar a necesidade de que se cubra adecuadamente o cadro de persoal de pediatría, tanto neste como no novo centro de saúde de Gondomar e expresar a condena e a protesta de toda a Corporación por este abandono reiterado do servizo de pediatría de Gondomar por parte do SERGAS e a Consellaría de Sanidade, que so obedece a un actuar errático e a criterios puramente economicistas e non asistenciais ou medico sanitarios”, finalizan.