ALFREDO // Polígono de Vincios

Nun comunicado de prensa, Gondomar Concello Aberto critica a retira do idioma galego das sinais de tráfico no Polígono da Pasaxe e na entrada ao IES Terra de Turonio de Gondomar e o tacha de ilegal.

Afirman que “diante da desaparición do galego nos sinais de tráfico nos lugares mencionados, sinais que levaban case dúas décadas sen que orixinaran ningunha controversia ou prexuízo a ninguén, o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto quere manifestar o seu estupor e repulsa ante estes feitos e ante esta nova agresión gratuíta e sen fundamento á lingua galega”.

A normativa estatal de tráfico nada expresa”, dicen, “contra os idiomas propios, entre eles o idioma propio de Galiza, o galego”. Asimismo explican que “o Real Decreto 1428/2003, de 21 de novembro polo que se aproba o Regulamento Xeral de Circulación establece no seu artigo 138 que as indicacións que acompañen os sinais figurarán en idioma castelán e, ademais, na lingua oficial da comunidade autónoma recoñecida no estatuto de autonomía, cando a sinalización estea ubicada no ámbito territorial de dita comunidade. Polo tanto, a menos que Gondomar estea fora de Galiza, a retirada do idioma galego dos sinais é claramente ilegal, faise vulnerando a norma. Polo que é radicalmente falso que o Goberno municipal estea cumprindo a lei ao establecer o uso exclusivo do español nos sinais”.

Os poderes públicos están mandatados para garantir o uso do galego e para potenciar o seu emprego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa e ante o retroceso en todos os eidos do galego, os representantes políticos temos a obriga de defendelo, de normalizar un legado histórico que recibimos” expón Pauliño del Rio voceiro do grupo municipal CABE.

“Dende a normalidade e a cordialidade na defensa e o agarimo polo noso idioma o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto exixe a reposición inmediata do galego nos sinais que foron suprimidos polo goberno municipal e levaremos ao próximo Pleno ordinario unha Moción en defensa da normalidade da lingua galega” finaliza Del Rio.