Medio centenar de cargos locais das comarcas de Vigo, o Condado-Paradanta e o Baixo Miño celebraron en Tui a pasada fin de semana unha xornada de traballo co obxectivo de analizar alternativas de goberno de cara as futuras eleccións municipais.
Á mesma tamén asistiron como convidadas a alcaldesa de Muros, María Lago e o exalcalde de Ribeira, Luís Pérez. A formación nacionalista, que considera os concellos como institucións imprescindibles e con capacidade para desenvolver políticas que redunden no benestar das persoas, toma como referentes os seus propios proxectos, que puideron executar en concellos nos que tiveron a oportunida de gobernar. Ánxela Fernández e Sandra González, alcaldesas do Rosal e de Tomiño, espuxeron “in situ” as súas experiencias.
“A recuperación do espazo público para as persoas, ofrecendo lugares para a convivencia segura, o aproveitamento sostible dos recursos naturais que cada concello nos ofrece ou a especial prestación de servizos que afectan á infancia ou aos nosos maiores son exemplos paradigmáticos dos gobernos do BNG para trasladalos a cada concello”, afirma Lois Pérez Castrillo, responsable de acción municipal da formación, que actuou como coordinador.
“Tomamos como referencia innumerables actuacións levadas a cabo no municipio de Pontevedra, modelos recoñecidos como os de Tomiño, iniciativas como a actual comunidade enerxética impulsada desde O Rosal ou a multitude de proxectos executados con éxito en Allariz. Queremos que unha nena ou unha familia poida camiñar tranquila pola súa vila sen a ameaza constante do tráfico rodado, que unha persoa dependente poida recibir axuda a domicilio desde o momento que o precisa, que a infancia ou calqueira estudante teña espazos onde poder estudar e exercer as actividades de formación, que tanto as persoas como as asociacións atopen no seu concello un aliado para desenvolver os seus proxectos e vivir mellor”, afirma Castrillo. “A nosa formación xa ten experiencias contrastadas para ofrecer e extrapolar a outros concellos” finaliza.
