O candidato socialista á reelección como alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, comprométese “a realizar con fondos municipais no próximo mandato a ampliación da Escola Infantil O Areal se a Xunta non cumpre con Baiona”.

“As competencias para facer esta obra son da Xunta, pero levamos anos esperando por un investimento de 250.000 euros para a ampliación da escola infantil, anos de demandas sen éxito ante a Consellería de Educación e a Xefatura Provincial”, apunta o candidato socialista.

“Escoito ao señor Almuiña dicir que Baiona está paralizada, pero o único que está paralizado é o orzamento da Xunta do PP para a nosa vila, cero euros neste 2023”, lamenta Gómez Prado.

“O ensino público de calidade é unha das prioridades da nosa candidatura, así o demostramos neste mandato con actuacións de mantemento en todos os centros e escoitando as demandas da comunidade educativa, moitas veces asumindo competencias impropias”, engade.

Entre as moitas intervencións realizadas nestes catros anos, destaca a renovación dos accesos ás pistas multideportivas do colexio Cova Terreña; houbo tamén actuacións na Escola Infantil O Areal, o CEIP Fontes-Baíña e o CEIP de Belesar.