“É o momento de empoderar Galiza nas Cortes, de acadar máis capacidade de decisión para poder arrincar en Madrid todas as solucións que precisamos as galegas e os galegos aos nosos problemas. Non podemos conformarnos con poñelos simplemente na axenda, hai que ter capacidade para facer cumprir os compromisos, e iso só se consegue enchendo as urnas con votos BNG o 29N”.
Así se manifestou hoxe en A Guarda a cabeza de lista Carme da Silva no mitin celebrado no centro cultural, onde reivindicou máis forza para o Bloque para protexer o sector pesqueiro e marisqueiro, impulsar un plan de rexeneración e saneamento integral do Miño, reivindicar unha comunicación eficaz e sustentable con Caminha e poñer fin á eólica mariña.
Acompañada dos tamén candidatos ao Congreso e ao Senado polo Baixo Miño Álvaro Lamas, Nuria Vázquez e Sabela Méndez, e do voceiro municipal Anxo Baz, Da Silva subliñou que o 29N as galegas e galegos deben “petar na mesa e romper con décadas de bipartidismo que quere que traguemos, que nos quere caladas e resignadas”. A cabeza de lista salientou que o BNG “nin cala nin ten paciencia, nin con quen manda nin con quen quere mandar”, senón que só obedece ao pobo galego. Destacou que a forma de entender a política que representa e practica a formación nacionalista é “honrada, con contido e propostas valentes e comprometidas coas maiorías sociais”, para mellorar a vida dos galegos e galegas.
Defendeu que a política ten que dar resposta propia aos problemas da xente do país, garantindo empregos estables e salarios dignos que permitan dispoñer dunha vivenda, vivir e non só sobrevivir, así como pensións que ofrezan tranquilidade e seguridade despois de toda unha vida de traballo, sacrificios e loita polos dereitos conquistados. Amais, reivindicou a necesidade de que Galiza se faga valer en Madrid para defender desde o dereito a vivir en galego e a combater os ataques do PP contra a lingua, até conseguir que a riqueza eléctrica do país se traduza en facturas máis baratas e non en beneficios millonarios para as grandes compañías. Neste sentido, apostou por medidas como unha tarifa eléctrica galega, topes aos prezos dos combustibles e da enerxía e impostos ás eléctricas, así como por reclamar as infraestruturas viarias e ferroviarias pendentes.
Da Silva pediu máis forza do BNG para, en concreto, esixir solucións “con coñecemento do territorio e non dende os despachos de Madrid”, para atender as necesidades da Guarda e da comarca. Subliñou que un Bloque con peso político nas Cortes esixirá plan de rexeneración e saneamento integral do treito internacional do río Miño —unha proposta que o PP vetou no Senado en xuño de 2025— para protexer a biodiversidade e os bancos marisqueiros do estuario, ao tempo que loitará para frear a privatización do caudal polo que devecen as hidroeléctricas.
A candidata nacionalista tamén subliñou a necesidade dunha comunicación eficaz e sustentábel con Caminha, así como da exclusión da eólica mariña, e dunha defensa forte da frota pesqueira e o marisqueo, tendo en conta que Galiza é unha nación altamente dependente da pesca, corrixindo os recortes que está a sufrir un sector estratéxico para o país.
Por todo isto, Da Silva pediu un voto masivo ao Bloque, a favor de Galiza, concentrando o apoio de todas as persoas que lle queren dar máis forza ao país. A cabeza de lista subliñou que a todas as persoas que non queiran unha involución, o BNG non as vai defraudar: “Máis BNG implica ter máis capacidade de presión en favor das galegas e dos galegos, máis atención do goberno central. Nestas eleccións votemos con orgullo de pais, fagámonos respectar. Fagamos que Galiza conte!”, reclamou.
