Pablo Martínez Lemos, Bombeiro do GES do Val Miñor, remitiu os medios unha misiva relatando «a precariedade deste servizo que é tan necesario para a veciñanza».
Carta:
Querido veciño ou visitante do Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar), como bombeiro do Servizo de Emerxencias (GRUMIR, GES, Bombeiros, ou como decidan chamalo) desde fai preto de 15 anos, escribo isto para lembrarlle o que algúns levamos advertindo demasiados anos, tanto vostede como os seus seres queridos están en verdadeiro perigo nestes tres Concellos. Nós, os integrantes do Servizo, tamén. Non é ser catastrofista nin pesimista. É un feito máis que probado e comprobado, nin queremos nin necesitamos ningunha traxedia para confirmar que temos razón. É algo obxectivo.
Pagan/pagamos os seus/nosos correspondentes impostos para gozar de Servizos Públicos dignos e dimensionados, e especial atención deberían ter aqueles onde a vida e a saúde das persoas corra perigo. Deberían.
En cambio, o que temos/teñen para os tres Concellos do Val Miñor é un precario, desprezado e decadente Servizo de Emerxencias onde o único que preocupa é que apareza na foto un camión vermello, despexar balóns e seguir as instrucións do partido político de quenda (calquera dos que ata o de agora gobernaron).
Por se os tres Alcaldes esquécense de publicalo e informarlle do tema nas súas redes sociais, convídolle a vir coñecer e interesarse polas condicións do servizo que está a pagar, o que vai aparecer cando a súa vida ou a dos seus corra perigo, e sea consciente de que a súa sensación de seguridade non se axusta á realidade.
Ten todo o dereito do mundo a sabelo, aínda que os medios de comunicación maioritarios ocúltenllo ou lle falen de “acudiu unha dotación de bombeiros do GES Val Miñor” en lugar de dicir “os únicos dous bombeiros que hai para atender a 50.000 habitantes fixeron o que puideron”, porque este traballo non está concibido para que acudan dous bombeiros a un incendio urbano ou un rescate, por exemplo.
Recibe un servizo precario, os responsables sábeno, asubían e miran para outro lado. E neste traballo todo cambia nun segundo.
Cóntolle un pouco as súper emerxencias que teñen/temos no Val Miñor desde o meu punto de vista:
- Somos 12 efectivos (sen incorporar ningún bombeiro desde hai máis de 10 anos!!).
- A media de idade é de 45 anos e subindo.
- As quendas cóbrenas soamente 2 efectivos durante 24 horas (o servizo dispón de 5 vehículos) para unha poboación censada de 45.000 habitantes (na época estival poden ser 100.000-150.000 habitantes, máis grande que cidades como Ourense ou Santiago de Compostela).
- Están a facerse entre 1200-1500 horas extra ao ano, como mínimo, para cubrir o servizo (co correspondente gasto).
- Cando hai baixas, como xa pasou en varias ocasións, moitísimas máis horas extra, e cando nin así se cobre, fanse quendas de 1 efectivo, ou mesmo chegamos a pechar o parque por falta de persoal en varias ocasións. Isto paréceme dunha extrema gravidade.
- O noso Convenio laboral (publicado en agosto de 2018) indica que se incorporarán prazas ata completar un total de 18 efectivos nun prazo máximo de 3 anos. En outubro de 2023 continuamos sendo 12. Cabe destacar que non tíñamos convenio laboral ata que os tráxicos incendios de outubro de 2017, onde faleceron dúas persoas en Chandebrito (Nigrán), fixeron posible a súa sinatura. Foi a única vez que vin ós tres alcaldes do Val Miñor acudindo o Parque a interesarse polo servizo.
- Debido á falta de persoal non podemos atender 2 intervencións simultaneamente, debemos elixir que é máis prioritario e deixar sen atender incidencias nese caso.
- O noso Parque atópase nunha rúa sen saída detrás dun Instituto de Secundaria, os vehículos (caros e con material caro), están á intemperie.
- O Consorcio Contra-Incendios e Salvamento da Provincia de Pontevedra, que vén dun modelo privatizado e tamén en precario, ten problemas de falta de persoal e están a pechar Parques de Bombeiros continuamente en toda Galicia por ese motivo (o parque do Baixo Miño (O Porriño), que é o que acode en axuda á nosa zona, está a pechar constantemente por falta de persoal, sen ir máis lonxe, hoxe está pechado).
- O Parque de Bombeiros da cidade de Vigo tamén ten problemas de falta de persoal para cubrir o seu propio termo municipal (hai unhas semanas acudiu o noso servizo para axudarlles a eles por un incendio industrial en Vigo, deixando a nosa comarca descuberta). É dicir, o parque de Bombeiros máis grande de toda a Comunidade Autónoma tívolle que pedir axuda a un Servizo precario limítrofe de 2 bombeiros por quenda.
Ese é o nivel e a importancia que se lle dá ás Emerxencias en Galicia.
- A deterioración da calidade do servizo, das relacións entre compañeiros (con conflitos laborais xudicializados desde hai anos), da nosa saúde psicolóxica… en definitiva, o absoluto abandono por parte dos tres concellos (que presiden a Mancomunidade do Val Miñor en quendas dun ano cada un) é insoportable desde hai anos. Seguimos traballando como boamente podemos, tirando de vocación. Hai quen ata considera normal a situación. Non é o meu caso.
- Nin desde a Mancomunidade do Val Miñor, nin desde a Deputación de Pontevedra nin desde a Xunta ofrécense solucións nin hai un plan a medio ou longo prazo máis que envellecer e ir a peor. Ningunha solución.
Envellecer e continuar traballando en precario.
Firma: Pablo Martínez Lemos, Bombeiro do GES do Val Miñor