Portada do libro "Os nomes do terror"

A Casa dos Alonso da Guarda , acolle este xoves, ás 20:30 horas, a presentación do libro “Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron” nun acto no que participarán a membro do consello de administración Sermos Galiza e escritora Marga Romero, o coautor do libro e especialista na represión franquista Xosé Álvarez Castro, o autor e coordinador do volume Xoán Carlos Garrido Couceiro e o mestre e membro da Comisión Cidadá pola verdade do 36 do Baixo-Miño Xosé Manuel Méndez.

O volume recolle un extenso estudo de Xosé Álvarez sobre os represores nas comarcas de Pontevedra, nos que se fai particular mención ao papel xogado polos diferentes actores do operativo represivo.

Segundo sinala Xosé Manuel Mendez, representante da entidade organizadora do acto, “até agora contabamos con numerosos estudos sobre as vítimas da represión pero a realidade dos represores permanecía casi sempre agochada. Con esta presentación do volume editado por Sermos Galiza sae á luz a outra parte da verdade que ficaba por coñecer. Non hai vítimas sen verdugos. A carón dun dirixente obreiro, dun alcalde como Manuel Noia paseado e mutilado en Oia, ou dun alcalde do Partido Galeguista da Guarda, como Brasilino Álvarez, executado despois dun Consello de Guerra ou dun dirixente obreiro como Nemesio Álvarez, executado tamen nunha gabia do Porriño despois de ser detido na Guarda, atópanse aquelas persoas responsábeis da súa execución”.

A publicación editada por Sermos Galiza refire diversos episodios da represión paralegal, recollendo diversos testemuños tanto documentais como orais onde se testa a participación de diversos falanxistas en accións represivas.