Despois dun duro proceso de selección motivado polo éxito de convocatoria que se pechou cun total de 244 propostas artísticas candidatas para os showcases, o MUMI anuncia as bandas e artistas que van configurar o programa profesional da feira entre o 21 e o 24 de setembro. Oito nomes de Galicia e seis de Portugal amosarán ao público, profesional e tamén xeral, a diversidade de propostas musicais que conviven na escena actual.
Galicia presentará os directos de Antía Muíño, Mondra, Anxo Araújo, Diego Alonso 5tet, Habelas Hainas, Lontreira, Moura e Xurxo Fernándes; mentres Portugal achegará as propostas de Aníbal Zola, Expresso Transatlântico , María Monda, Maze, Retimbrar e Virgem Suta.
Desde a equipa organizativa destacan que a diversidade continúa a ser a palabra clave na música ao vivo que vai ofrecer o MUMI 2023, cun mosaico de bandas e artistas que responden á riqueza das escenas galega e portuguesa.
Das novas abordaxes da música tradicional á electrónica, pasando polo jazz, o pop, as músicas urbanas ou a canción de autoría, os showcases programados recollen a efervescencia musical que bule a ambas beiras do Miño cunha presencia moi destacada das músicas que experimentan a partir da raíz, e que felizmente non deixan agromar. Un total de catorce propostas de bandas e artistas cunha traxectoria consolidada, respaldadas por axencias profesionais, que xa están funcionando moi ben nos seus territorios e queren abrirse a outros mercados, un feito que demostra a solidez da escena e a necesidade da industria musical de contar cun espazo como o MUMI.
Colaboración coa Fira Mediterrània de Manresa
A este primeiro adianto sumaranse nos próximos meses un programa de conferencias e sesións de traballo conxunto, e tamén outras propostas musicais que serán convidadas a participar no encontro, entre as que se inclúe unha colaboración coa Fira Mediterrània de Manresa, o mercado de referencia para as músicas que utilizan a raíz, a tradición e a cultura popular como motor creativo. Grazas a este intercambio, o MUMI vai contar na súa programación cunha proposta musical catalá seleccionada pola Fira que tamén recibirá na súa próxima edición en outubro unha proposta galega da pasada edición do MUMI, que terá a oportunidade de realizar un showcase neste importante mercado onde se dan cita programadores de todo o mundo.
Continúan abertas as inscricións profesionais
As inscricións profesionais para o MUMI 2023 continuarán abertas a través da páxina Mumimusicas sen ningún tipo de custe e ata a propia data do evento para facilitar a asistencia das persoas interesadas en manter sesións de traballo conxunto dentro do espazo destinado aos speedmettings ou encontros rápidos entre profesionais. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, responsables de programación, xornalistas e público xeral, daranse cita neste evento que quere converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular e que ten como obxectivo crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa, construír unha relación estable entre axentes e empresas de Galicia e Portugal; e destacar o talento creativo de proximidade ante programadores e técnicos de cultura de ámbolos dous países.