A Asociación Cultural Centáurea e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebran a Rosalía de Castro en Gondomar. O acto será este domingo 1 de marzo, ás 19:00 horas, no Café Keik (rúa Ánimas, 10).
Para conmemorar o aniversario do nacemento da autora, o 23 de febreiro de 1837, Centaurea e a AELG propoñen un evento onde resaltar a figura da poeta galega universal e da súa obra, chea de mensaxes plenamente vixentes, a través dunha lectura pública.
Ademais da lectura do manifesto da AELG e dun espazo de micro aberto a quen quixer ler da obra rosaliana, poderase escoitar unha escolma de anacos de pezas de Rosalía de Castro contadas por diversas voces. Desde Amancio Prada á Banda da Loba, pasando por Astarot ou Cantares do Brión, as cancións soarán espalladas entre as lecturas das persoas asistentes.
E para facer aínda máis presente a Rosalía, desde as entidades organizadoras animan á veciñas e veciños a participar do encontro achegando retratos da autora e libros de súa obra. Imaxes e textos que ilustrarán a conmemoración de tan importante data.
