Centos de persoas pasaron polo VI Biomercado de Tomiño

Unha vez máis, o Biomercado de Tomiño foi todo un éxito. Centos de persoas así o confirmaron coa súa visita ao longo de toda a xornada dominical. Gran participación nos obradoiros de pan e xogos; exquisitas degustacións para todos os padais; exposición e venda de produtos ecolóxicos, artesanía, gastronomía saudable…charlas moi interesantes sobre negocios emprendedores…e música da boa da man de Sabela Cereijo e Cherry Sweet…puxeron de manifesto a consolidación do evento, que este ano chegaba a súa cuarta edición.

Novidades coma a preparación e degustación de pratos con estrugas (ortigas) e os obradoiros de pan foron dúas das grandes atraccións, espertando o interese de persoas de todas as idades. Se ben a mañá rexistrou un bo número de visitantes, foi a tarde a que congregou maior afluencia de público.

Asemade, as charlas sobre emprendementos no rural, nas cales os promotores contaban a súa experiencia, foron outro dos focos de atracción, rexistrando boa asistencia de persoas interesadas.

O concelleiro de Promoción Económica, Antonio Tartglione, e demais organizadores, realizaron un balance moi positivo desta cuarta edición do Biomercado de Tomiño, tanto na cantidade e calidade dos postos que concorreron, coma na afluencia de público acadada.