O BNG organiza para o luns 20 de maio, ás oito e media da tarde no Café Keik de Gondomar, un acto publico sobre Unión Europea.
A palestra, baixo o título Desmitificando a Unión Europea, será presentada pola Portavoz municipal Manuela Rodríguez e correrá a cargo do historiador e analista internacional Duarte Correa.
Correa falará dunha Europa que é moito máis que un clube de intereses, no que se cualifica aos distintos estados en función non da súa realidade, senón da súa funcionalidade no mercado capitalista. Un clube en que as decisións non as adoptan órganos elixidos por vontade popular, e que non asume a existencia real de pobos e nacións como Galiza que loitan polo recoñecemento oficial da súa existencia.
Dende o BNG de Gondomar convidan á veciñanza a se achegar e a participar nun coloquio que pretende mostrar a Unión Europea real, que está lonxe do que sempre se quixo identificar con Europa e co progreso. Porque só coñecendo a realidade oculta do funcionamento da UE, pode camiñarse cara unha verdadeira Europa dos pobos e da xustiza social, modelo que defende o BNG e polo que traballa activamente coa súa presenza no parlamento europeo.
