Este sábado, o Mercado da Guarda acollerá unha charla baixo o título «Familia, que comemos hoxe?», dirixida principalmente ás familias con nenos na etapa chamada de primeira infancia, coa intención de poñer en valor os beneficios do produto fresco e de proximidade que ofrece a praza de abastos á hora de elaborar menús saudables e nutritivos.

Nesta charla, impartida por Sandra Baz e que terá unha duración aproximada de hora e media, os participantes aprenderán os beneficios dos diferentes alimentos grazas á pirámide nutricional, facendo despois un percorrido polos diferentes stands do Mercado para, xunto cos praceiros, para coñecer de primeira man os beneficios e valores nutricionais de cada tipo de alimentos, froitas e hortalizas, peixes e carnes.

Esta charla pretende ser moi dinámica e participativa e terá lugar no propio mercado en horario de 11:00 a 13:30 horas. Punto de encontro no segundo andar.

Esta charla enmárcase na campaña de Dinamización comercial «Clic ao Mercado» para atraer ao sector máis xove da cidadanía para que merque no Mercado da Guarda, e na que se inclúe tamén o sorteo de 5 bolsas de compra por importe de 70€, que axudará a que este segmento da poboación sinta interese e se achegue ata este espazo comercial, tan importante para a vila.