Depoandainas de la Diputación de Pontevedra (Archivo)

As “DepoAndainas” da Deputación de Pontevedra pecharán a súa terceira edición este domingo 14 de outubro coa celebración da ruta que percorrerá as terras de Gondomar. Nela participarán 300 persoas que esgotaron todas as prazas en menos de catro días.

Esta actividade, organizada pola institución provincial, consistirá nunha ruta de dificultade media e cun percorrido de 12,4 quilómetros que partirá do casco urbano de Gondomar para visitar algúns dos moitos atractivos do municipio do Val Miñor.

Esta última cita das “DepoAndainas” ten como punto de saída, ás 10.00 horas, o centro de Gondomar, desde onde a ruta discorrerá ata o paseo fluvial, no que se virará cara a Ponte das Ánimas seguindo o curso do río ata chegar á aldea de Rasas. Alí comezará unha subida que permitirá observar numerosos muíños ata chegar a Couso e a súa igrexa. A partir deste punto comezarase a baixada, seguindo os regatos e volvendo ao punto de partida.

Esta ruta ten como actividade complementaria un pequeno obradoiro sobre sendeirismo no que se explicarán as sinalizacións máis habituais, o seu significado, o grao de dificultade, como interpretalas e os consellos e precaucións a seguir á hora de facer unha ruta.