Este xoves un grupo de cincuenta veciños puideron comprobar de primeira man que o novo centro de saúde de Gondomar está listo para recibir os primeiros pacientes, «dende fai oito meses que terminaron as obras que lle correspondían ao Servizo Galego de Saúde (Sergas)«, sinala Paula Bouzós, voceira do Partido Popular.

Estes veciños estiveron acompañados en todo momento por Julio García Comesaña, novo xerente da Área Sanitaria de Vigo, quen lles mostrou todas as dependencias e servicios cos que conta as novas instalacións que se construíu sobre unha parcela de 4.974 m2 cedida polo Concello de Gondomar ao Servizo Galego de Saúde e conta cunha superficie construída de 1.611,20 m2, o que supón un incremento de 990,2 m2, un 159,45% máis respecto ao espazo do que se dispón ata agora.

O inmoble divídese en áreas funcionais, con división lonxitudinal en dúas bandas, unha orientada sempre cara o patio, que enlaza todas as áreas públicas de espera e circulación, mentres que a outra crea un anelo de carácter especializado de atención personalizada ou servizos específicos.

O novo centro de saúde de Gondomar atenderá a unha poboación de 10.615 tarxetas sanitarias, das que 1.178 son menores de 15 anos. A construción desta nova infraestrutura da rede sanitaria pública galega permitiralles tanto aos profesionais como aos pacientes e usuarios dispoñer dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, e que dará mellor resposta ás necesidades de saúde, presentes e futuras, das veciñas e veciños deste Concello.

«A apertura formal das instalacións só depende de que o Concello faga as actuacións que lle corresponden segundo o convenio subscrito no seu día co Sergas (acometida eléctrica, gas, rebaixe beirarrúas, …)«, explica Bouzós.

É unha mágoa que os veciños de Gondomar e os profesionais non poidan desfrutar destas magníficas instalacións”, manifestou o xerente da Area Sanitaria de Vigo a quen tamén acompañaba Paula Bouzós.