Baixo o concepto de «A Guarda escrita nas estrelas» o novo deseño do pintado do espigón norte do Porto da Guarda vai collendo forma grazas ao traballo dos artistas Alberto Brandon e Nuria Villa, así coma o de máis de medio cento de voluntarios que xa colaboraron nestas tarefas dende mediados de agosto.

Segundo explicaron Alberto e Nuria o día da presentación, “sempre soñamos con facer este proxecto dende que comezamos a traballar xuntos, e tiñamos claro dende o inicio que levaría o noso estilo, pensando nos veciños que o miran día a día”.

Os artistas decidiron centrar este proxecto en transmitir con mensaxes directos empregando xogos de palabras e iconografías, mesturando o sentimental e o histórico, para chegar ao corazón dos guardeses e que se recorde o pasado da nosa vila nun presente que non se esqueza.

Elena Baz, Concelleira de Cultura, clarexa que «A Guarda está viva, A Guarda é moi bonita e abrimos con este proxecto un espazo para que a xente que así o desexe poda participar na súa confección, traballando tamén cos colexios e os nenos do municipio», todos os interesados poden participar chamando aos teléfonos 646202874 e 627 582 551.

A intención inicial dos artistas é a de dividir o espigón en tres espazos, dando cabida ás tres parroquias de A Guarda, Camposancos e Salcidos representando deste xeito o «universo guardés», e onde a parte literaria estará representada cun fragmento do libro «De mar a mar» do poeta Feliciano Rolán.

O resultado final, fará que o espigón do Porto sexa un museo visual no que os veciños e visitantes da Guarda vexan, recorden e interactúen con boa parte da historia da vila.