Mañá mércores 3 de xullo o IEM inaugura a tempada de xeiras de verán cunha xornada polas paraxes naturais da Portavedra e A Chan do Cereixo.
O punto de encontro é no local do IEM en Gondomar, Aula de Cultura Ponte de Rosas na Avda da Feira 10, ás 18:00 horas, dende onde partirá a xeira cara o Xogos dos Bolos de San Cibrán, para comezar a xeira andando ata o río Pequeno ou das Teixugueiras, para ver a Fervenza das Abelosas e o bosque mixto de frondosas, varios muíños e a zona húmida da Portavedra e da Chan do Cereixo, co patrimonio natural e cultural, incluído o Curro de san Cibrán na antiga Lagoa do Cereixo.
Recoméndase levar roupa e calzado axeitado para andar por camiños e campos, pantalón de perneira longa, sombreiro ou gorra e auga para hidratarse. Duración aproximada tres horas de dificultade baixa.
Os guías serán os membros da Xunta de Goberno do IEM Xosé Ramón García, da sección de Bioloxía e Ciencias Naturais, e Xilberte Manso, da sección de Etnografía e Arqueoloxía.
A próxima xeira será o venres 12 de xullo, A Estrada Real da Ramallosa ao Burgo, guiada por Anxo Rodríguez Lemos.
