concello de oia
ALFREDO // Concello de Oia

A raíz do que está a acontecer despois da aprobación unilateral e sen consenso do escudo e bandeira por parte do PP, coa súa alcaldesa a fronte, no pasado pleno do 28 de xaneiro queremos dicir o seguinte:

1º  Nesa sesión plenaria o BNG rexeitou ese despropósito e propuxo que se aparcara o tema. Non estamos en contra de que se propoña e debata a idoneidade dun novo emblema para o noso municipio, pero contando coa veciñanza e non coa imposición e ás caladas amosando moi pouca calidade democrática por parte da alcaldesa e o seu equipo.

2º   En nota de prensa de 2 de febreiro, a señora alcaldesa laiábase dicindo “lamenta a polémica a raíz da proposta do escudo oficial do municipio que foi aprobada en pleno”. Esquécese de aclarar que foi aprobada só polo PP, nun intento de confundir á xente para que pense que foi aprobada por unanimidade, iso si que é “sesgar e manipular.” Temos que dicir que estes movementos foron feitos sen contar con ninguén e de maneira escura sen comunicación algunha á oposición para así poder trasladarllo á veciñanza. Tómanos por parvos aos veciños/as cando manifesta que “non se trata de cambiar un escudo por outro”, entón que é? Quere confundirnos cando di “non é un asunto de partidos”. Claro, é un asunto dun partido, do PP. O BNG concorda con esa afirmación de que non é un asunto de partidos, é un asunto das veciñas e veciños, non de Cristina Correa. Señora alcaldesa, vostede é quen xerou este conflito pola soberbia e prepotencia de aprobar unilateralmente algo tan sensible para as e os oienses;  o BNG advertiulle en pleno que ía crear división na sociedade de Oia, dito e feito. Agora non vaia de vítima e responsabilícense dos seus actos vostede e o seu equipo que seica non pintan nada na toma de decisións.

3º  O 3 de febreiro unha empresa ou algo semellante respondendo ao nome de Heráldica Popular da cal  non temos constancia de documento algún para estudar o seu traballo, saca outro comunicado acusando á oposición pouco menos de “linchamento” hacia a alcaldesa por ser do PP.  O BNG non ataca a ninguén, exercemos o noso dereito e obriga de control aos órganos de goberno. Esta páxina web fai un xuízo político da ideoloxía dos grupos democraticamente elixidos que representan a case a metade do electorado de Oia en particular e a todo o conxunto da veciñanza en xeral. Vomitan partidismo descoñecendo o sucedido no pleno do 28 de xaneiro onde o BNG unicamente rexeitou a despótica aprobación dun escudo e bandeira propoñendo que se aparcara o asunto porque ía traer división. Pediamos Consenso. A vostedes quen os elixiu? Quen son? Que saben do sentimento das persoas de Oia?.

Por outro lado, aledámonos que esta páxina web nós dea a razón cando di o seguinte: “Esta discusión debería abordarse buscando el máximo consenso posible para que todos los vecinos de Oia se sientan representados en su escudo municipal”. Pura contradición que por un lado saen na defensa de quen montou esta lea e por outro piden consenso. Señora alcaldesa, Heráldica “Popular”, non estamos no medievo para tratar aos oienses como vasallos, hai unha cousa que se chama “democracia” onde todos/as poidamos participar das decisións que nos afectan. En Oia hai cousas máis importantes que resolver como o saneamento, recollida do lixo, mosteiro, Faro Silleiro, PXOM, restablecemento da pediatra e un longo etc…

Queremos agradecer a todo o mundo que participou na campaña de recollida de sinaturas; iniciativa xurdida da indignación da veciñanza independentemente da cor política que profesan, isto é un asunto de todos/as non do PP nin dunha páxina web. Consenso.