ALFREDO

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de resolver unha orde de axudas que permitirá acometer nos anos 2018 e 2019 actuacións de preservación, recuperación e mellora en espazos incluídos na Rede Natura 2000. En total, o departamento autonómico aprobou 2 proxectos na comarca do Baixo Miño por un importe de case 36.500 euros.

En total, na provincia de Pontevedra concedéronse axudas por un montante de 413.250 euros que beneficiarán a 23 concellos.

Tal e como explicou Cores Tourís, a través destas dúas ordes de axudas, publicadas o pasado mes de xaneiro e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural financiará investimentos non produtivos para acadar os obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito da Rede Natura 2000.

No caso da orde para proxectos en Rede Natura, concedéronse na comarca do Baixo Miño preto de 36.600 euros, distribuídos nun total de 2 iniciativas.

Deste xeito, o concello de Tomiño actuará na recuperación de bosques e carballeiras na ribeira do Miño, e A Guarda mellorará a accesibilidade á praia do Muíño.

Ademais, tamén se viron beneficiados titulares de terreos forestais ou agrícolas situados nestes espazos protexidos, e asociacións ambientalistas e de custodia do territorio con terras agrícolas situadas en áreas elixibles.

O obxectivo común dos proxectos seleccionados é restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nos sistemas agrarios de alto valor natural, así como mellorar o estado da paisaxe rural tradicional para o mantemento das condicións ambientais necesarias nas zonas pertencentes á Rede Natura 2000.

Os proxectos, tal e como se prevé na convocatoria, executaranse en dúas anualidades. Os beneficiarios terán dous prazos para comunicar o remate das accións e solicitar o pagamento da axuda que lle corresponda: ata o 14 de setembro no caso da anualidade de 2018 e ata o 31 de marzo para a anualidade de 2019.

Plan de Desenvolvemento Rural

Cómpre lembrar que estas axudas inscríbense dentro do Plan de Desenvolvemento Rural, que recolle entre as súas liñas básicas de actuación conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático, e mellorar a calidade de vida da poboación rural a través da prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco de pobreza.

Neste sentido, o tipo de actuacións seleccionadas perseguen a mellora da paisaxe agraria e do desenvolvemento de usos recreativos, como a construción de cercas, sebes ou a restauración de muros; a creación de roteiros, equipamentos de información e interpretación; a sinalización de camiños e outras de análoga natureza; accións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais da paisaxe agraria tradicional (hórreos, miradoiros, cabanas, valados, fontes…); ou actuacións para a preservación dos hábitats ou ecosistemas naturais e seminaturais, de especies ameazadas ou de interese comunitario.

En canto aos beneficiarios das axudas, a maioría son particulares propietarios de terreos agrícolas e forestais, localizados nestas zonas, os propios concellos, asociacións ambientais e de custodia do territorio.

A consellería subvenciona o 100% do custo das actuacións, cuns importes máximos de axudas que, no caso da orde en zonas Rede Natura 2000, se sitúa en 20.000 euros por proxecto sempre que o beneficiario sexa un concello, e en 12.000 euros para o resto de solicitantes.