Emerxencias “Low Cost” para galegos de segunda
AGESGA (archivo)

A Asociación Cultural Centáurea e a Organización Galega de Comunidades de Montes, entidades do Val Miñor integradas na plataforma social Vía Galega, convocan á veciñanza a unha concentración na alameda da Ramallosa o sábado 14 de decembro ás doce da mañá. “Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno”, é a campaña organizada por Vía Galega para concienciar á sociedade, que se inicia coa convocatoria de concentracións este sábado en 50 cidades e vilas galegas.

«Na última década 216.000 persoas con idades entre os 16 e 54 anos tiveron que marchar de Galicia para atopar traballo noutras terras, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística. No caso dos menores de 30 anos, son 80.000 mozos que tiveron que deixar o país nese período, co que iso significa dende o punto de vista social, familiar e individual. Cómpre reclamar a acción dos poderes públicos para que recoñezan a emigración galega actual como unha emerxencia nacional e activen os mecanismos para remediar esta lacra», sinalan dende a organización.

«Porque é o Parlamento quen ten posibilidade de facer do emprego de calidade un dos obxectivos básicos; estamos nun país con talento e potencialidades que cómpre poñer en valor, deseñando políticas que aseguren traballo digno na nosa terra, defensa da base produtiva e unha economía autocentrada que mobilice todos os recursos para xerar emprego e riqueza na Galicia», indican.

Ao remate do acto lerase o manifesto de Vía Galega por representantes da A. C. Centáurea, da Organización Galega de Comunidades de Montes e da mocidade do Val Miñor.