O pasado sábado, Gondomar Concello Aberto realizou a primeira concentración a prol dun Centro de Saúde Digno para a Vila.

Logo das Mocións presentadas no Concello, da recollida de máis de 2.000 sinaturas entregadas ao Concelleiro de Sanidade e da iniciativa parlamentar de En Marea, este sábado ás 12:00 horas un grupo de veciños concentráronse na praza do Centro de Saúde para exixir o novo Centro de Saúde para Gondomar.

“Levamos anos de retrasos, recortes e paralizacións. Un novo Centro de Saúde 8 anos proxectado e con constantes aprazamentos e demoras. Con capacidade para atender a so 10.000 persoas, cando en Gondomar somos máis de 16.000, que non contempla servizos básicos como rehabilitación, fisioterapia ou aumento do servizo de pediatría“, indican desde CABE.

“Máis pequeno e con menos profesionais, seguirase a derivar parte da poboación infantil e adulta ao Centro de Saúde da Xunqueira, mentres o servizo de transporte é inexistente ou moi deficiente. Para paliar estas eivas reivindicamos que o Novo Centro de Saúde recolla as necesidades e servizos que demanda Gondomar e con capacidade para atender a toda a súa poboación“, finalizan dende a formación política.