Coral Novos Aires

A programación do Concello de Nigrán polo Día das Letras Galegas continúa o sábado 10 de maio co concerto da Coral Polifónica Costa da Morte e Novos Aires ás 20:00 horas no Auditorio Municipal con entrada de balde ata completar aforo.

A primeira interpretará 7 temas entre os que se atopa ‘Meu amor é mariñeiro’ ou ‘Sementeira’ e a segunda outros 7 con letras de autores galegos como Manuel María, Curros Enríquez ou Xosé María Álvarez Blázquez.

O domingo 11 de maio continúa a programación polas Letras Galegas no muíño de Porto do Molle cun obradoiro folclórico de tradición oral a cargo de Leni Pérez. Toda aquela persoa maior de 12 anos interesada en participar debe acudir directamente sen necesidade de inscrición previa e, preferiblemente, provista dalgún instrumento de percusión de man, como poden ser pandeireta, pandeiro, un par de culleres ou un par de cunchas. Os asistentes porán en práctica cantares do repertorio de tradición oral que poñen en valor a figura da muller neste eido, a quen se lle adica este ano as Letras Galegas.

A continuación, o xoves 15 e 16 de maio haberá sendos contacontos na Biblioteca Municipal ás 18:00 horas. O propio sábado 17 de maio celebrarase a tradicional ‘Festa da bicicleta do Val Miñor’ con saída do Pavillón de Panxón ás 10:00 horas e regreso ás 12:00 horas, xa pola tarde será o concerto da banda de música tradicional festeira Fanfarria Takicardia no  Muíño de Porto do Molle ás 20:00 horas. Ao día seguinte, domingo 18, terá lugar ali mesmo ás 19:00 horas o concerto do trío ‘Lideira’ (saxo, clarinete, percusión e voz), o grupo interpretará pezas bailables da tradición oral galega. A maiores, durante toda esta fin de semana das Letras Galegas estará organizada no muíño unha exposición de cestería realizada co follato do millo.

A programación remata o sábado 24 de maio cun serán na parroquia de Camos protagonizado polas súas pandereteiras, este terá lugar a partir das 19:00 no pavillón da Comisión de Festas (xogo de bolos).

Coral Costa da Morte