O Congreso do PP do Rosal celebrarase a finais de febreiro

O Comité Executivo do Partido Popular da provincia de Pontevedra deu luz verde á celebración, o próximo 24 de febreiro do III Congreso Local do Rosal, no que terán dereito a voto os case 150 afiliados do partido.

A Directiva provincial aprobou ademais o Regulamento que rexerá todo o relativo á organización e funcionamento do Congreso así como os membros que forman parte da Comisión Organizadora: María del Carmen Alonso Alonso, Charo Tabales Perozo e Ángel Martínez Villa.

Esta Comisión será a encargada de coordinar, impulsar e dirixir todos os aspectos organizativos do Congreso ata que comece a celebración do mesmo, que asumirá esas competencias a Mesa do Congreso.

Todos os afiliados do PP do Rosal que aspiren á presidencia do partido terán ata o 12 de febreiro para presentar por escrito a súa precandidatura ante a Comisión Organizadora e poder ter así acceso ademais á documentación relativa ao Congreso.

A candidatura deberá ir acompañada por un mínimo de 30 avais, no modelo aprobado ao efecto pola Comisión. O prazo para a presentación de avais remata o 22 de febreiro.

Tanto para ser candidato como para poder avalar ou votar no Congreso será necesario, tal e como recollen os estatutos do partido, figurar inscrito no censo de afiliados.