Este xoves celébrase o Día da Biblioteca. Dentro do programa de actividades para conmemorar esta data a Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle este xoves, ás 18:00 horas, a Marisa Irimia co contacontos “A pirata Escarlata”.
Esta actividade vai dirixida a nenos de 4 a 11 anos. Achéganos á historia de rapazas que capitanean perigosos barcos piratas, rapaces que pilotan naves espaciais, nenos que viven emocionantes aventuras, que xogan, elas e eles, un papel activo en mil e unha andanzas. Esta actividade forma parte do programa de animación á lectura Ler Conta Moito e ao Pacto de Estado en contra da violencia de xénero.
O programa péchase o sábado cunha Ruta Literaria, que partirá ás 17:00 horas dende a propia biblioteca, guiada pola escritora Marga do Val e o historiador Rafael Sánchez Bargiela. Farase un percorrido por diversos lugares ligados a escritores tudenses como a casa dos Álvarez Blázquez ou o monumento ao bispo Lago, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1973. A ruta pasará tamén polo Seminario Menor onde se formaron distintos poetas e escritores coma Teodosio Besteiro, e no seu transcurso poderanse escoitar poemas sobre o río Miño, como o de Manuel María.
Amais ao longo desta semana os usuarios da biblioteca tudense serán agasallados cun libro, descatalogado ou procedente de doazóns.
As actividades celebradas até o de agora tiveron moi boa acollida. Así o obradoiro de ilustración con Xosé Tomás, completou as quince prazas ofertadas, e a pasada semana máis de 60 persoas gozaron do espectáculo “A música da auga” co Bardo Abelardo.
Día da Biblioteca
A celebración do “Día da Biblioteca” é unha proposta da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil que xorde no ano 1997 en lembranza da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada no ano 1992 durante o conflito bélico dos Balcáns. A iniciativa naceu para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro de lectores de todas as idades coa cultura e como un instrumento de mellora da formación e da convivencia das persoas.