Real Academia Galega // Luísa Villalta

O próximo 17 de maio conmemoramos o Día das Letras Galegas que este ano se dedica a Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), unha destacada escritora, filóloga e violinista.

O seu legado literario abarca poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, así como destacadas contribucións como articulista e ensaísta. A súa obra singular e sólida convértea nunha das grandes figuras da literatura galega xurdida nas últimas décadas do século XX.

O Concello de Baiona, a través da Biblioteca Pública Municipal, súmase a esta merecida homenaxe coa celebración do espectáculo «Tinta do Mar. Pequena biografía de Luísa Villalta», unha sesión de narración oral a cargo de «Polo Correo do Vento».

A través de contacontos ilustrados e música, este evento ten como obxectivo dar a coñecer a vida e obra de Luísa Villalta, complementando así o seu libro do que son autores xunto a Tania Solla.

Este evento que se celebrará o mércores 15 de maio ás 18:00 horas no Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal de Baiona, é gratuíto, non require inscrición previa e ata completar o aforo.