O Rosal prepárase para mergullar aos máis pequenos e pequenas na historia da escritora Luísa Villalta. O Concello acolle este martes 16 de xullo ‘Tinta do Mar’, un contacontos ilustrado co que festexar as Letras Galegas e divulgar a biografía e traxectoria da autora homenaxeada neste 2024.

Polo Correo do Vento será o encargado de facer gozar á cativada cunha proposta na que alternará a narración da vida de Luísa Villalta coa creación dunha ilustración sobre a autora. Ademais, o espectáculo contará coa interpretación de distintas pezas musicais e se pechará cun pequeno coloquio adaptado a idade da rapazada participantes e cun taller no que cada persoa asistente poderá realizar a súa propia caricatura da escritora.

O contacontos será ás 12.30 horas no auditorio municipal do Rosal con entrada de balde. Dende o Concello convídase a toda a rapazada a participar neste encontro co que se busca dar a coñecer a figura de Villalta, escritora, filóloga e violinista á que a Real Academia Galega (RAG) dedicou este ano o Día das Letras Galegas. Escritora de poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, artigos xornalísticos e traducións, a RAG destaca dela que foi unha creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeu na segunda metade dos anos 80 e principios dos 90.