Convocado o IX premio de poesía Victoriano Taibo
CEDIDA // Victoriano Taibo xunto a Celso Emilio Ferreiro

O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) convoca o XIX Premio de Poesía Victoriano Taibo ao que poderá concorrer calquera autor que envíe, antes do 31 de xullo de 2016, ao enderezo Apartado 30, 36380, Gondomar, un libro de poemas escritos en galego (normativa da RAG), cunha extensión mínima de 300 versos.

O premio está dotado con 3.000 €, unha peza escultórica do artista miñorán Fino Lorenzo, creada especialmente para este certame, e a publicación da obra premiada na colección Victoriano Taibo do IEM; o galardón será entregado nun acto cultural que se celebrará durante o terceiro trimestre deste ano. As oito edicións anteriores acadaron importantes éxitos tanto de participación como de crítica.

Pódense consultar as bases no seguinte enderezo da web do IEM: http://www.minhor.org/premio-victoriano-taibo.

Victoriano Taibo (1885-1966), poeta das Irmandades da Fala, foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural e foi membro do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho. Publicou en vida os poemarios Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) e a obra narrativa Da agra aberta, contos e lêndas (1956); deixou inéditos dous volumes de poesía, Abicedo e Cabrinfollas, que foron publicados en 2008 pola editorial Follas Novas, edición dirixida por Armando Requeixo; ademais conta con abundante obra espallada en diversas publicacións tanto galegas como da emigración americana. No ano 2008 recibiu unha homenaxe en Morgadáns, lugar onde exerceu a súa docencia durante 20 anos, organizada polo IEM, que con tal motivo reeditou Da agra aberta e publicou unha Revista monográfica sobre o personaxe que recolle interesantes aspectos da súa vida e obra, coa participación dun nutrido grupo de persoas do mundo da cultura.