Tras as convocatorias do martes e mércores pasados en Burgueira e Loureza, os grupos municipais do BNG e PSOE, convocan a veciñanza de Oia e Mougás para analizar a proposta de Plan de transporte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e presentar as alegacións necesarias para ofrecer nos próximos anos un servizo de transporte público digno para a xente da nosa parroquia.

«No borrador presentado pola Consellería«, explican os grupo políticos, «non ofrece ningunha liña de transporte para vertebrar as parroquias costeiras de Oia coas parroquias do interior. Tamén presenta moitas deficiencias o servizo pola costa».

«Os grupos municipais do BNG e PSOE consideramos moi grave esta situación, que condena as parroquias de Oia sen un servizo indispensable», sinalan.

Dende o BNG e o PSOE indican que «de momento temos a posibilidade de solucionar este problema presentando á Consellería alegacións para que nos concedan as liñas necesarias para acceder a servizos básicos, coma o hospital Álvaro Cunqueiro ou os institutos de Baiona e da Guarda, mesmo do Rosal e a nosa mocidade poida acceder ao ciclos formativos sen ter que usar o coche particular».

O PSOE e o BG están a elaborar unha proposta de transporte que atenda as principais necesidades da poboación do municipio e que axude a crear unha nova liña de conexión entre as parroquias da costa coas do interior e mellore o servizo das liñas costeiras cara a Baiona, A Guarda, hospital e universidade.

«A pasada semana pedimos a convocatoria dun pleno extraordinario para presentarmos desde o Concello a solicitude dun servizo de transporte que responda ás nosas necesidades; o prazo para achegar alegacións á Xunta remata o 22 de agosto. Urxe, xa que logo, que o Goberno municipal se posicione ante este tema tan importante e que nos afecta a todas e a todos», afirman.

«Á par, queremos contar co voso apoio para esixirlle á Consellería que atenda as necesidades de transporte público das distintas parroquias de Oia«, rematan.

Horarios convocatoria:

  • Venres 16 de agosto, ás 20:00 horas na casa da cultura de Oia.
  • Luns 19 de agosto, ás 20:00 horas, na casa da cultura de Mougás.