ALFREDO

Este sábado 20 de xullo, ás 12:00 horas, diante do Concello de Gondomar (Praza da Paradela), terá lugar a presentación pública da Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos (PVGS). 

A Plataforma nace logo do debatido na asemblea aberta celebrada o pasado 26 de xuño de 2024 no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar. Froito do debate a respecto da carencia ou deficiencia de servizos básicos municipais como o saneamento ou a subministración de auga no conxunto das parroquias do concello, a veciñanza presente concordou de xeito unánime na necesidade de constituír unha Plataforma veciñal para reclamar colectivamente a prestación deses servizos por parte do Concello de Gondomar.

Asimesmo acordaron facer convocatoria aberta á veciñanza e aos medios de comunicación á concentración en que se dará lectura ao manifesto fundacional e se realizará a recollida de sinaturas de apoio á constitución da Plataforma e de adhesión ás súas reivindicacións.