O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a adega Lagar de Cervera no Rosal en compaña do xefe territorial de Medio rural, Antonio Crespo, co obxectivo de comprobar o avance da vendima na comarca do Baixo Miño dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.

O obxectivo desta visita”, engadiu o delegado territorial, “é estar en contacto cos viticultores e bodegueiros para coñecer o seu sentir nesta vendima na que, se estima, vanse recoller, segundo os últimos estudos realizados polo Consello Regulador, preto de 36 millóns de quilos de uva en toda a denominación de orixe, dos cales o 10% agárdase que se recolla nesta zona do sur da provincia”. Nestes intres, segundo apuntou o delegado territorial, xa se recolleron na denominación de orixe 21,7 millóns de quilos, “2,1 deles na subzona do Rosal”.

Segundo destacou o delegado territorial, as adegas do Baixo Miño levaron a cabo no último ano un investimento en renovación e mellora de preto de 3,5 millóns de euros, dos cales case un millón foron aportados a través de subvencións da Conselle´ria de Medio Rural.

Lagar de Cervera naceu trala compra en 1988 da empresa La Rioja Alta, S.A., da adega Fernández Cervera Hermanos S.L., propiedade dunha familia relacionada coa construción naval. O obxectivo dos novos donos era buscar un lugar no que afincarse en Galicia para probar novos camiños enolóxicos. Coa adega feita en 2012-13, a capacidade para procesar uva aumentou ata os 900.000 quilos de uva, equivalentes a unha produción de 612.000 botellas anuais que comercializa coas marcas Lagar de Cervera e Pazo Seoane.

A sociedade ten por obxecto cultivo da vide, a elaboración e embotellado de viños e a elaboración e embotellado de augardentes, para o cal dispoñen de 87 hectáreas de viñedo, 73 no Rosal e 15 no Salnés, ademais dunha adega de elaboración de viño e dunha pequena destilería. De feito, conta con dúas marcas de viño branco: Lagar de Cervera, 100% albariño e Pazo de Seoane, conformado por Albariño, Loureiro, Caíño e Treixadura.

A maiores, tamén fabrica augardentes, dispoñendo dunha pequena destilería con 8 alambiques, 20.000 litros de almacenamento en aceiro inox e 90 barricas de carballo de 225 litros cada unha. No ano 2011 produciron case 14.000 litros de augardente sendo parte dela destinada a licores e ao seu envellecemento en barrica.