A Asociación Costa dos Castros programa do 25 de xullo ao 16 de setembro unha serie de visitas guiadas gratuítas co obxectivo de dar a coñecer os principais atractivos do patrimonio cultural e natural de Oia e, ao mesmo tempo, dinamizar o turismo na zona.

As visitas desenvolveranse de mércores a domingo e permitirán coñecer diversos enclaves arqueolóxicos, de valor histórico e natural do municipio de Oia. Os mércores, ás 12.30 horas, haberá itinerarios guiados no castro e petróglifos da Cabeciña, mentres que os sábados e domingos a ruta será a esa mesma hora polo barrio do Arrabal, na contorna do Mosteiro de Oia. Como novidade deste ano, os xoves ás 19.00 horas faranse visitas ás Sobreiras do Faro, o bosque mediterráneo máis occidental de Europa que, ademais, forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Como complemento a estas actividades diúrnas, os venres e sábados haberá visitas guiadas nocturnas: os venres serán aos petróglifos da Cabeciña, mentres que os sábados a proposta consistirá en descubrir os gravados de Auga dos Cebros á luz das lanternas. Estas dúas actividades desenvolveranse ás 22.30 horas e teñen prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse previamente no número de teléfono 689.35.57.13 ou no correo electrónico costadoscastros@gmail.com.