ALFREDO // Centro de Saúde da Guarda

Un grupo de persoas e organizacións de diversa índole acaban de constituir a Plataforma en defensa da Sanidade Pública da Guarda. A formación anuncia no seu manifesto fundacional estar aberta a incorporación de todas aquelas organizacións e persoas a título individual que comparten a necesidade de defender a sanidade pública fronte aos recortes e procesos de privatización da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia.

Os recortes en sanidade no Concello da Guarda, afirman desde a plataforma, «estanse deixando sentir dunha maneira evidente no Centro de Saúde da vila onde xa empeza a ser un hábito que non se cubran as baixas do persoal sanitario. Están xogando coa nosa saúde, están xogando co dereito a unha sanidade pública de calidade».

Como primeira medida, a Plataforma participará en todas as mobilizacións convocadas todos os Xoves polo persoal sanitario e anima a todo o pobo da Guarda a sumarse a elas. De non solucionarse este problema en breve, anuncian xa a convocatoria dunha manifestación que mesmo podería levarse a cabo antes do Nadal.

A cobertura das baixas e permisos do persoal sanitario é a reivindicación central neste momento, pero a Plataforma plantexa tamén outras reivindicacións que consideran fundamentais.

O PAC da Guarda atende ao vecindario de O Rosal e Oia ademais do da Guarda e cóntase con un só equipo médico para urxencias. «Son numerosas as veces que o PAC queda sen persoal sanitario por térense que desprazar a domicilios algúns a 50 minutos do centro, polo que é vital outro equipo médico para urxencias«. Tamén citan dentro das súas reivindicacións que se dote ao centro dunha ambulancia medicalizada ou da creación do servizo de radioloxía.