Este luns, tivo lugar no local do Pénjamo SunBar, na Praia de Patos (Nigrán), a presentación do Curso de Auxiliar de Restaurante-Bar que xestiona a Fundación Érguete-Integración en colaboración co concello de Nigrán.

A esta xornada inaugural asistiu a Presidenta da Fundación Érguete-Integración, Carmen Avendaño; a Deputada provincial de Cohesión Social e Xuventude, Diga Rivas e o Alcalde do Concello de Nigrán, Juan Antonio González.

O acto comezou coa intervención de Carmen Avendaño, quen quixo dar a benvida ao curso ao alumnado e dar as grazas pola súa colaboración ao Concello de Nigrán e á Deputación de Pontevedra. Ademais, tamén quixo trasladar ás persoas participantes que máis alá da oportunidade de formación, nestas iniciativas sempre nace un espírito de compañeirismo moi importante.

O curso de auxiliar de restaurante-bar, que terá lugar do 6 de maio ao 7 de xullo en Nigrán, formará a persoas que se atopan en busca activa de emprego para que podan adquirir as competencias necesarias para favorecer a súa incorporación ao mercado laboral no ámbito da hostalaría.

Esta acción ten un total de 200 horas de formación, das que 80 son prácticas non laborais en empresa. Polo tanto, o alumnado recibirá unha completa formación teórica e práctica co obxectivo de contribuír á súa inserción laboral.

Este Programa Formativo encádrase no proxecto Emprego Inclusivo promovido pola Deputación de Pontevedra e desenvolvido coa colaboración do Concello de Nigrán. A iniciativa está pensada para mellorar a empregabilidade das persoas en risco de exclusión social, facilitando a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral, mediante formación ou capacitación técnica e prácticas en empresa e Itinerarios Individualizados de Inserción; que engaden á formación, os servizos de orientación e intermediación laboral.