ALFREDO

Aprender a transformar os alimentos de tempada que abundan na contorna en conservas artesanais e naturais, obtendo produtos de gran calidade para o autoconsumo. Este é un dos obxectivos cos que a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, porá en marcha o itinerario formativo ‘Coas mans na masa’, centrado na transformación de produtos do sector primario.

Con este itinerario preténdese engadir valor a este sector a través da transformación e da conservación de alimentos. As primeiras accións estarán centradas na elaboración artesanal de todo tipo de conservas e contempla a celebración de nove cursos que se realizarán entre 2018 e 2019 nalgúns dos concellos que conforman o territorio do GDR 14: Tomiño, Oia, Gondomar, A Guarda, O Rosal e Baiona.

Poderá inscribirse e participar nestes cursos calquera persoa que resida no territorio e estea interesada, independentemente de que o concello no que viva non dispoña de curso. Os cursos son de balde e a inscrición farase a través da web EURURAL, dirixíndose ao apartado denominado Escola. A quenda de cursos comezará o vindeiro mes de maio en Pazos de Borbén e rematará en marzo de 2019 en Baiona. Impartiranse en horario de 16.30 a 20.30 horas e haberá un máximo de 15 alumnos por curso.

Este itinerario formativo foi presentado este mércores 18 de abril no salón de plenos do Concello de Oia pola presidenta da asociación e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen asegurou que “con novas iniciativas como esta damos un paso máis e continuamos a traballar na formación como eixo para facilitar o emprendemento no rural, creando un caldo de cultivo para novas ideas empresariais que se asenten no noso territorio. Non é formar por formar, senón formar para favorecer o emprendemento”.

González estivo acompañada neste acto pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, para quen este programa “continúa a contribuír coa dinamización e mellora da calidade de vida no rural, sobre todo en zonas de gran dispersión poboacional”. Xunto a elas, na presentación, estiveron tamén a alcaldesa do Rosal, María del Carmen Alonso; o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba; o alcalde de Baiona, Ángel Manuel Rodal; o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Alumeado Público de Baiona, José Ángel Bahamonde; e o concelleiro de Limpeza, Parques, Xardíns e Revalorización dos Espazos Públicos de Mos, Cándido Pérez.

Cursos:

  • Tomiño: 21-22 de maio 2018, de 16:30 a 20:30 horas.
  • Oia: 4-5 de xuño 2018, de 16:30 a 20:30 horas.
  • Gondomar: 11-12 de xuño 2018, de 16:30 a 20:30 horas.
  • A Guarda: 4-5-6 de febreiro 2019, de 16:30 a 20:30 horas.
  • O Rosal: 18-19-20 de marzo 2019, de 16:30 a 20:30 horas.
  • Baiona: 25-26-27 de marzo 2019, de 16:30 a 20:30 horas.