No Espazo Fortaleza de Goián en Tomiño, elemento patrimonial recuperado grazas aos fondos acadados en 2012 polo BNG en Madrid, a cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, asegurou que, de cara ás eleccións do vindeiro 23X, “o BNG é a única opción que defende Galiza como prioridade e ten na súa axenda dereitos e liberdades”.

Subliñou a nacionalista que é preciso que “Galiza conte en Madrid con máis forza” cun grupo galego forte que poida condicionar as políticas do estado en favor das galegas e galegos. Preguntouse canto máis poderá facer o BNG en Madrid se conta cunha ampla representación se na pasada lexislatura un só deputado nacionalista, fronte ao esquecemento das forzas centralistas, conseguiu melloras para o país como a rebaixa do 50% da AP9. “Xogámonos ter unha voz forte e potente onde se toman as decisións. Por iso hai que votar coa cabeza e o corazón. O BNG non vai defraudar!”, insistiu Da Silva.

Baixo esta premisa, a candidata ao Congreso chamou a todas as persoas que apoiaron ao Bloque nas pasadas eleccións municipais en Tomiño, no Rosal e en todos os concellos do Miño, a repetir o seu voto porque “cada escano do BNG no Congreso é un escano menos para o PP de Feijóo”, xa que a formación nacionalista está a xogar os deputados e deputadas co Partido Popular nas catro provincias.

Nesta liña, Da Silva insistiu en que o BNG é a alternativa natural para frear ao PP. Afeou ao anterior presidente da Xunta que agora en campaña en Madrid diga que o que lle preocupa á xente “é ter o médico preto da casa e que as fillas e fillos non teñan que marchar para traballar” cando el mesmo eliminou médicos dos centros de saúde galegos e fixo emigrar a máis de 200.000 mozos e mozas galegas na última década. “Coas súas políticas ata lles regalou as maletas”, ironizou a candidata.

Destacou que será importante a presenza do BNG no Congreso para levar a axenda da zona a Madrid. Fixo fincapé en que o Miño é o río do país, “o que está na nosa bandeira”, e subliñou que se precisa un compromiso para a súa mellora ambiental e saneamento integral.

Lembrou que é o único espazo transfronteirizo que ten a protección de Rede Natura 2000 e que hai que superar as trabas por ser un espazo compartido entre dous países, chegando a acordos “urxentes” pola gran contaminación que está a padecer na actualidade. “O BNG ten no seu ADN a sensibilidade polo ambiente e unha clara aposta pola recuperación dos nosos ríos e rías”, dixo, ao tempo que reclamou as transferencias a Galiza das competencias da Confederación Hidrográfica.

Tamén fixo referencia a candidata á solución da deficiente cobertura móbil e de datos que padece o Concello de Tomiño ante anos de pasividade e inacción do Estado. Destacou que dificulta gravemente as comunicacións de toda a veciñanza, así como o desenvolvemento da actividade laboral, comercial e industrial da zona. Subliñou que boa parte das persoas afectadas recorren a compañías telefónicas portuguesas e instou á Administración Xeral do Estado a rematar o seu silencio ante as reclamacións do Concello e a actuar “aclarando” as zonas escuras de cobertura.

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño Sandra González tamén reivindicou no xantar-mitin que o  Estado invista fondos no proxecto da ponte peonil e ciclista proxectada entre Goián e Vila Nova de Cerveira impulsado polo AECT Rio Minho dirixido por Uxío Benítez. Lembrou que a finais do pasado ano creouse unha partida orzamentaria “só simbólica” para iniciar os trámites de contratación da obra, e pediu o apoio ao BNG para ter un grupo forte no Congreso que obrigue a consignar fondos reais e suficientes para levar o viaduto adiante. “Só se Carme e o BNG esta no Congreso temos garantías”, abondou a alcaldesa.

A rexedora, lembrou, neste sentido, que os cartos para as obras de recuperación da Fortaleza de Goián conseguíronse nun pacto co Goberno central cando Francisco Jorquera era deputado no Congreso, mentres que pola contra cando o BNG deixou de ter representación perdéronse partidas incluso xa consignadas, como aconteceu coa do proxecto da Biblioteca.