Reunido o xurado do XV premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado pola catedrática e tradutora Emma Lazare, pola profesora Carme Xiráldez, Javier Rodriguez, profesor e poeta gañador da edición anterior; asi como polo escritor e editor Marcos Calveiro, en nome da Editorial Galaxia e tamén por Miguel Anxo Mouriño, no nome do IEM, resolve por unanimidade que o poemario gañador desta XV edición sexa o presentado co lema Patios que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoria de María Álvarez Martínez.
O xurado valora que a obra constitúe unha audaz xeopoética do desarraigamento onde se destaca a memoria da infancia, os lazos familiares e os espazos compartidos coas mulleres e homes que a precederon. Unha acertada descrición da saudade, que revoga os tópicos da emigración cun revelador diálogo interxeracional. Destaca asemade o emprego dunha linguaxe aparentemente coloquial que acaba desvelando un profundo lirismo. Unha obra, en fin, onde os patios representan o espazo sensitivo e familiar onde acubillarse do xeado estrañamento da distancia.
Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas Himno nacional, Tentación dunha viaxe, No ceo da boca, Unha casa onde vivir, e A mirada das 1000 iardas, querendo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.
A obra gañadora será publicada baixo o título de Dakota na colección Dombate da Editorial Galaxia, onde a organización lle desexa o mesmo éxito que Xeración (Breve tratado de males inespecificos), de Javier Rodríguez e Antese, de Arancha Nogueira, poemarios gañadores dos anos 2021 e 2022.
O acto de entrega do premio e a presentación do libro, editado por Galaxia, terá/ lugar no mes de marzo de 2024, nunha data aínda por confirmar, pero que sera. arredor do día 13 dese mesmo mes, cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo. Antes diso, no primeiro trimestre de 2024, a gañadora impartirá un obradoiro arredor do día 13 dese mesmo mes, cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo. Antes diso, no primeiro trimestre de 2024, a gañadora impartirá un obradoiro de poesía para o que se abrirá o prazo de inscrición nas próximas datas.
A organización quere destacar a boa saúde do Premio de Poesía Victoriano Taibo que, grazas ao apoio do Concello de Gondomar, chega a celebrar a súa décimo quinta edición cunha participación case récord de cincuenta e seis poemarios e unha ampla repercusión a nivel nacional, estatal e incluso internacional. Este mesmo ano, o poema «Mamá fala en documentos predeterminados» do poemario Antese, de Arancha Nogueira, gañadora da Xl edición, foi escollido coma mellor poema do ano 2022 na gala Ari[t]mar en Santiago de Compostela.
A autora
María Álvarez Martínez, “Masha”, Vigo 1983, é Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo. Actualmente exerce como profesora de secundaria no IES Martaguisela do Barco de Valdeorras. Leva toda a súa traxectoria ligada ao ensino secundario, residindo dous anos nos Estados Unidos e desenvolvendo o seu labor en colexios de inmersión lingüística, como o Rosa Parks ou o Sonia Sotomayor, pertencentes ao Sioux Falls School District en Dakota do Sur, o que sen dúbida inspirou o poemario gañador do XV Premio de Poesía Victoriano Taibo
de 2023.
A autora xa ten acadado galardóns coma o primeiro premio do I Certame Ínsua e o Liño no 2021 e o terceiro premio no XXXIII Certame Internacional de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro de Cornellà no 2020, compartindo elenco con voces xa consagradas da nosa literatura como Lupe Gómez, Marcus Daniel Cabada e Fran Fernández Davila, gañador do XII Victoriano Taibo no ano 2019.
Natural de Vigo e con vínculos co Rosal e a Guarda, Masha Álvarez, vive dende hai dous anos e medio a cabalo entre Arcade e Lalín “porque, como din nos EEUU, home is where the heart is”. Tamén compaxina o seu labor profesional cunha carreira musical dentro do grupo Os Residuos Atractivas, onde toca a gaita dende hai 13 anos. Segundo ela mesma afirma “gústalle a poesía humilde, pasmar, pensar e escribir cando hai necesidade porque ela, coma John Dunbar, tamén sente a pulsión de ir ver a fronteira, antes de que desapareza”.
Dende o Instituto de Estudos Miñoráns, queremos ofrecerlle a Masha a nosa máis calorosa benvida á familia do Premio Victoriano Taibo, alegrándonos ademais de que a súa primeira publicación sexa nunha plataforma tan sobranceira coma a Colección Dombate da Editorial Galaxia.