Mañá martes, 24 de maio, continúa na Biblioteca Municipal de Tui o programa de actividades “Tui en letras” que abrangue os meses de maio e xuño. Así, ás 18:00 horas será a quenda de Dani Blanco co contacontos “Historias desde o outro lado da raia”, dirixido a nenas e nenos de 3 a 8 anos. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

Desde o outro lado do Miño, hai contos que se foron contando alén do tempo. Pasaron de avós a nais e destas ás crianzas que foron máis tarde pais. Contos fantásticos que van cruzar a fronteira imaxinaria. Contos da tradición lusófona, cerca no espazo pero que mañá martes imos sentir moito máis pretiño.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, «con esta proposta para os nosos rapaces e rapazas xunto cos obxectivos de animación á lectura e de dinamización da nosa lingua unimos, nesta xornada, esta actividade para afondar no coñecemento das tradicións orais da outra beira do Miño coa que os tudenses non sentimos tan vinculados».