ALFREDO // Alameda de Goián, Tomiño

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar novos investimentos nun total de tres municipios da provincia no marco da liña 1 do Plan Concellos.

Trátase dun total de cinco partidas por un total de 1.180.500 euros para diversas actuacións en Tomiño, Nigrán e Tui.

En primeiro lugar, o goberno autorizou para Tomiño dúas achegas por un valor total de 870.000 euros. Máis polo miúdo, 440.000 euros serán destinados ao acondicionamento da contorna da Praza de Figueiró e outros 430.000 euros para financiar a ampliación e mellora da accesibilidade da Alameda de Goián Fase II. Estas son as últimas achegas do Plan Concellos 2018 para a vila que completa desta maneira os seus investimentos. A través do Plan Concellos, Tomiño tiña este ano a súa disposición 2.108.461,25 euros, un 76,24% máis que o ano pasado.

Para Nigrán a institución provincial aprobou outros dous investimentos por un valor total de 243.976,5 euros. Máis polo miúdo, 101.245,21 euros para financiar a mellora na rúa do Ceán (Nigrán) e outros 142.731,29 euros para a pavimentación de diversos camiños na parroquia de Camos. Trátase da última achega do Plan Concellos deste ano para a vila que completa así os seus investimentos. A través do Plan Concellos, Nigrán tiña este ano a súa disposición un total de 1.709.211,78 euros, un 76,21% máis que en 2017.

No que respecta a Tui, a institución provincial deulle o visto bo a unha partida económica de 70.526,88 euros para financiar a restauración do xardín histórico da alameda da vila. Esta é a última achega do Plan Concellos deste ano para Tui que pecha así os seus investimentos. Este ano, a través do Plan Provincial, o goberno de Carmela Silva destinou a Tui 1.769.637,16 euros, un 76,35% máis que no exercicio do 2017.