A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar contratos contemplados no Acordo Marco para a conservación de firmes nas estradas provinciais que permitirán actuar en nove vías de seis concellos da provincia.

O investimento ascenderá a preto de 660.000 euros e as actuacións desenvolveranse en preto de 70 dos máis de 1.600 quilómetros da rede viaria provincial. “Seguimos destinando recursos para manter en bo estado as estradas provinciais, para garantir a seguridade dos nosos veciños e veciñas e mellorar a súa calidade de vida”, explicou o presidente Luis López.

En canto aos traballos que se realizarán, por unha banda, nalgunhas estradas vaise proceder ao fresado do firme para despois repoñer a capa de rodadura e, pola outra, noutras executarase unha capa de microaglomerado en frío. Ademais, procederase á reposición da sinalización horizontal en todas as actuacións nas que sexa necesario.

Este novo contrato inclúe actuacións na EP-2001 O Calvario-A Garrida, en Vigo. A EP-2102 Nigrán-Vincios e a EP-2106 A Ramallosa-Parada, en Nigrán. Na EP.2201 Baiona–Bahiña-As Fontes e na EP-2202 Baiona-Loureza, en Baiona. Na EP-2603 Puxeiros-Peinador e na EP-2604 Puxeiros–E.P. O Mexoeiro-CUVI, en Mos. Na EP-2001 Tui-Rebordáns, en Tui. E na EP-3202 Oia-Torroña, en Oia.