A Deputación patrocinará con 140.000 euros La Vuelta Ciclista a España, que regresa neste 2024 á provincia de Pontevedra para desenvolver nela a súa décima etapa, que terá lugar o vindeiro 27 de agosto entre Ponteareas e Baiona. “Viviremos –asegurou o presidente da Deputación Luis López– un espectáculo 100% Rías Baixas”.

López remarcou na conferencia de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial a importancia de “captar, impulsar e colaborar coa organización de grandes eventos deportivos na nosa provincia”. Trátase, tal e como asegurou, “dunha panca fundamental para a proxección do turismo e da marca da provincia e para a dinamización económica da contorna”.

En concreto, será unha etapa de 160 quilómetros de montaña con saída en Ponteareas e meta en Baiona. Pasará polo Alto de Fonfría, o Rial do Pazo, Salvaterra de Miño, Tui, Tebra, o Alto de Vilachán, Loureza e os altos de Mabia e Mougás. “E esta fermosa paisaxe de interior e de costa poderase ver a través de numerosas canles de televisión, chegando a todo o mundo”, explicou López, que lembrou que A Volta “goza de enormes niveis de audiencia e ten alcance internacional”. A 79 edición da Volta Ciclista comezará o 17 de agosto en Lisboa e rematará o 8 de setembro en Madrid.