Este venres, ás 18:00 horas, no ximnasio do IES Terra de Turonio de Gondomar, comeza unha nova tempada da Superdivisión Masculina do Tenis de Mesa, cun derbi entre o AD Vincios Gondomar e o Arteal TM de Santiago, dous equipos asentados na máxima categoría do tenis de mesa español, e que representan ao noso país na competición europea.

Neste día de presentación das novas plantillas, teremos a oportunidade de ver xa coa camiseta do Vincios Gondomar a André Silva, xogador portugués que militaba a tempada pasada no Real Priego Córdoba, co que se proclamou Campión da Liga, a Zhao Tiaming, xogador de orixe chinesa procedente do Arteal TM, co que foi Subcampión da Liga, e ao canteirán Martín Pintos, co que conformarán o equipo que se enfrontará mañá ao Arteal TM.

O Arteal TM reforzouse este ano con Rodrigo Gilabert, que militou nas súas filas hai dous anos, e xunto ao portugués Enio Mendes, ao brasileiro Humberto Manhani e ao cordobés Moisés Alvarez, que militou 3 anos no Vincios, forman a actual plantilla. Esperamos mañá un comezo de tempada 2019-20 con partidos moi rifados dada a propia rivalidade do derbi, e polo coñecemento mutuo entre algúns xogadores, pois en pasadas tempadas militaban no equipo rival.

Para completar o grupo de xogadores deste ano, o AD Vincios Gondomar reforzouse coa fichaxe do xogador galego Fernando Padín, procedente do Cambados, e co xogador ucraíno Dmytro Pysar, que xunto a André, Zhao e Martín conforman o persoal coa que se afrontará a nova tempada