O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, mantivo esta mañá unha reunión coa dirección do IES A Sangriña da Guarda co obxectivo de ofrecerlle a FP Dual como solución para poder manter o ciclo de Carrocería.

Na reunión tamén estiveron presentes responsable de Inspección educativa así como técnicos expertos na FP Dual.

O ano pasado, o ciclo xa non contou co primeiro curso, xa que tan só se matriculou un alumno. No segundo curso, dos sete que se matricularon tan só cinco concluíron os estudos. Esta foi a razón pola que, dende Inspección, emitiuse un informe desfavorable para o mantemento do ciclo ante a falta de demanda de alumnado.

O director do IES A Sangriña, durante a reunión, asegurou que para o próximo curso sí se  presentaron varios alumnos interesados, así como tamén, existe interese por parte das empresas da comarca na formación deste tipo de profesionais.

Ante este feito, o xefe territorial trasladoulles a posibilidade de implantar neste centro a FP Dual, para o que “o instituto tería que confirmar que existen empresas que se comprometen a participar na formación dos alumnos, que deben facer, dentro deste tipo de formación profesional, prácticas durante todo o curso nalgunha firma da comarca”.